Thursday 02 de May de 2024

A Atención Temperá galega sopra na Pobra as candeas do seu 25 aniversario


Pasado, presente e futuro foron os tres eixos sobre os que se vertebrou a gala celebrada no teatro cine Elma da Pobra do Caramiñal para conmemora-los vinte e cinco anos da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT).

Na inauguración do acto, o presidente da entidade, Xaime Ponte, puxo en valor a Rede creada, a cal describiu como “un exemplo, un modelo para toda España” que destaca pola súa proximidade e humanidade, “que sabe escoitar, acoller e acompañar” para conseguir troca-lo medo por confianza.

Un cuarto de século de traxectoria ao servizo da cidadanía galega, tal e como enxalzou o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón: “vinte e cinco anos de traballo, esforzo, prestar apoio e ilusión” coa meta marcada de contribuír a “facer de Galicia un lugar mellor para vivir.”

Con relación ao CAD pobrense, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), salientou que o Servizo de Atención Temperá medra, tanto en número de crianzas coma de persoal, prestando apoio a familias da Pobra, Ribeira e Boiro. Constitúe, polo tanto, “un servizo moi necesario” que seguirá contando co respaldo institucional.

Deseguido foi a quenda de lembrar o panorama galego a este respecto. A directora do CAD pobrense, Julia Rial, debullou o proceso evolutivo dende 1987, ano no que Galicia só conta con centros base na Pobra, Lugo, Ferrol, A Coruña e Ourense para, co paso das décadas e a persistencia de familias e profesionais, chegar ao 2022 cun total de 45 servizos repartidos por todo o territorio galego que dan soporte a 174 concellos. Un cambio no que tivo suma importancia a creación da AGAT no 1997. A proxección dun vídeo complementou o exposto a través dos testemuños de familias, profesionais e cargos institucionais.

Tamén houbo oco para imaxina-lo futuro. Responsables dos Servizos de Atención Temperá de seis concellos participaron nunha mesa redonda para explica-la dinámica, experiencia, necesidades e recursos de cada un dos centros.

A celebración por todo o alto chegou coa última das actuacións a cargo do grupo do CAD pobrense, cun espectáculo de sombras para escenifica-lo papel decisivo que xoga a AGAT na sociedade, para concluír cunha explosión festiva coa que levantar ao público dos seus asentos. O equipo xa demostrara o seu talento previamente coa interpretación dunha canción de creación propia e a proxección do videoclip.

A xornada finalizou nun restaurante da localidade cun xantar no que estreitar lazos e intercambiar impresións.